Entrega da III Edición dos Premios da Cátedra Emalcsa-UDC
A Coruña, 26 de xullo de 2023.- A sala de prensa da Universidade da Coruña, na Reitoría (A Maestranza), acolleu o acto de entrega dos Premios da Cátedra Emalcsa-UDC aos mellores Traballos de Fin de Máster, defendidos polo alumnado da UDC no curso 2021-2022, relacionados coa xestión sustentable da auga urbana.
O estudante Cástor Eduardo Maduro Malpica, do Máster Universitario en Enxeñaría da Auga, resultou gañador nesta terceira edición do Premio polo seu traballo “Desenvolvemento e ensaios en campo dun toma mostras pasivo de membrana metálica para a determinación de contaminantes orgánicos en augas superficiais e residuais”, mentres que o alumno Carlos Leira Castro, do Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica, obtivo o accésit co seu TFM, “Integración de sensores con distintas tecnoloxías de comunicación loT para a maqueta MEDUSA”.
O acto, presentado polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, contou coa asistencia da alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey, o director Xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira de la Torre; e o director da Cátedra Emalcsa-UDC, o profesor Moisés Canle.